Regulamento Axentes forestais

Regulamento da escala de Axentes forestais
Decreto 293/1997, do 1 de outubro, polo que se aproba o Regulamento da escala de Axentes forestais
A escala de Axentes forestais, creada pola lei 12/1992, do 9 de novembro, dentro do corpo de auxiliares técnicos da Xunta de Galicia, grupo D, enlaza co corpo de Gardería forestal do Estado como corpo especializado na custodia dos montes e da riqueza cinexética a eles vencellada, na que ten unha longa tradición de preto de cen anos, así como da riqueza piscícola de augas continentais e a conservación da natureza, xunto coa escala de Gardería do Icona.
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1º
O presente Regulamento ten por obxecto o establecemento das disposicións específicas de aplicación ós funcionarios da escala de Axentes forestais da Xunta de Galicia, sen prexuizo das normas xeráis de aplicación ós funcionarios públicos da Comunidade Autónoma galega.
Artigo 2º
1.- Correspóndelle ó persoal da escala de Axentes forestais da Xunta de Galicia o desempeño das funcións obxecto da súa profesión en relación coa tutela e xestión dos recursos naturais renovables e a conservación da natureza en todo o ámbito do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo das funcións que correspondan a outros corpos e escalas de calquera Administración pública.
2.- En concreto, son funcións do persoal da escala de Axentes forestais:
a) Custodia, proteción, vixilancia e defensa dos recursos forestais, dos montes e demáis bens forestais.
b) Custodia, proteción, vixilancia e defensa dos espazos naturais e da fauna e flora silvestres.
c) Control dos aproveitamentos forestais, cinexéticos e piscícolas nas augas continentais.
d) Vixilancia e prevención de incendios forestais, participando nas tarefas de extinción, coordinando e dirixindo o persoal e medios ó seu cargo.
e) Funcionamento ordinario de centros e instalacións relacionadas coa produción forestal, cinexética, piscícola de augas continetais, a conservación da fauna e flora, a divulgación ambiental e o uso público socio-recreativo do medio natural.
f) Informar e asesora-los cidadáns e a Administración en asuntos relacionados coa conservación da natureza e os recursos forestais, cinexéticos e piscícolas en augas continentais.
g) Direción e control das atividades, traballos, persoal e medios encomendados
h) Efectuar denuncias polas infracións establecidas na lexislación forestal, cinexética, piscícola en augas continentais e de conservación da natureza.
i) Proceder á execución dos actos da Administración cando así se estableza por disposición ou resolución expresa do órgano competente.
j) Calquera outra que lle poida corresponder de acordo coa lexislación vixente.
Artigo 3º
1.- Os funcionarios da escala de axentes forestais deberán adopta-las medidas pertinentes ante as infracións que afecten ó ambito de actuación desta escala.
2.- No exercicio das súas funcións os funcionarios da escala de axentes forestais teñen a consideración de axentes da autoridade.
3.- Os feitos constatados por estes funcionarios no exercicio das suas funcións que se formalicen en documentos administrativos observando os requisitos legais pertinentes terán valor probatorio, sen prexuízo das probas que en defensa dos respectivos dereitos ou intereses poidan sinalar ou aporta-los propios administrados.
Artigo 4º
A escala de axentes forestais depende organicamente da Consellería da Presidencia e Administración Pública e funcionalmente está adscrita á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.
CAPÍTULO II
Especialidades e estrutura
Artigo 5º
1.- A escala de axentes forestais ten as especialidades de:
a) Gardería forestal, coas funcións de vixilancia, custodia e policía de montes, espazos naturais, recursos cinexéticos, piscícolas de augas continentais, ambientais e defensa dos montes contra incendios forestais.
b) Auxiliares técnicos forestais, coas funcións de control e organización de obras, traballos e servizos en montes, espazos naturais, caza, pesca fluvial, loita contra incendios forestais e custodia e xestión de centros, establecementos e instalacións cinexéticas, piscícolas de augas continentais, forestais, ambientais e de defensa contra incendios forestais.
2.- Nas relacións de postos de traballo correspondentes á estrutura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes detallaranse os postos pertencentes a cada unha destas especialidades.
Artigo 6º
Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, o persoal da escala poderá ser adscrito temporalmente con carácter funcional, durante as datas e períodos de cada ano que sinale a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, en función das necesidades existentes, a outra especialidade ou servizo, dentro do ámbito de actuación da escala, distinto daquel no que se encadre o seu posto de traballo, por un período contínuo máximo de 4 meses.
Artigo 7º
1.- Cada unha das especialidades da escala de axentes forestais organízase e estruturase de forma xerarquizada nas seguintes categorías:
- Axente territorial.
- Axente zonal.
- Axente.
Por outra parte, dentro da especialidade de auxiliares técnicos forestais existirán as categorías de:
- Axente auxiliar técnico de instalacións.
- Axente auxiliar técnico de espazos naturais protexidos.
2.- O persoal da escala de axentes forestais desempeñará as súas funcións no ámbito territorial que lle corresponda, sen prexuízo de que se lle poida encomenda-lo desempeño de atividades de carácter especial.
3.- Para estes efectos, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes determinará o ámbito e o número de demarcacións territoriais, instalacións e espazos naturais protexidos.
Artigo 8º
Son funcións da escala de axentes forestais que desempeñe postos de traballo de axentes, ademáis das sinaladas nos artigos anteriores como propios da escala e da súa correspondente especialidade no seu ámbito funcional e territorial, as seguintes:
a) Elaborar con carácter mensual un resumo-balance da atividade desenvolvida.
b) Presentar, se é o caso, con carácter mensual un plan de previsión para o mes seguinte.
c) Dispoñer dun libro-rexistro de incidencias.
d) Calquera outra que lle poida corresponder de acordo coa lexislación vixente.
Artigo 9º
Son funcións do persoal da escala de axentes forestais que desempeñe postos de traballo de axentes zonais, ademáis das sinaladas nos artigos anteriores como propias da escala e da súa correspondente especialidade no seu ámbito funcional e territorial, as seguintes:
a) Coordinar, dirixir e inspeciona-las actuacións dos funcionarios da escala que desempeñen postos de traballo situados na súa zona, así como transmitilas directrices que emanen dos seus superiores.
b) Propoñer ós axentes territoriais correspondentes os servizos da súa zona e as suplencias do persoal da escala adscritos á súa demarcación.
c) Tramita-los informes emitidos polos funcionarios da escala adscritos á súa zona, así como a realización daqueles que considere oportuno ou lle sexan encomendados.
d) Elaborar con carácter mensual un resumo-balance da atividade desenvolvida.
e) Elaborar con carácter mensual un plan de previsións para o mes seguinte.
f) Dispoñer dun libro-rexistro de incidencias.
g) Calquera outra que lle poida corresponder de acordo coa lexislación vixente.
Artigo 10º
Son funcións do persoal da escala de axentes forestais que desempeñe postos de traballo de axentes territoriais, ademáis das sinaladas nos artigos anteriores como propias da escala e da súa correspondente especialidade no seu ámbito funcional e territorial, as seguintes:
a) Coordinar, dirixir e inspeciona-los servizos que teñan que realiza-los funcionarios da escala no ámbito do seu territorio.
b) Transmitirlle ó resto dos funcionarios da escala as instrucións e ordes de servizos que emanen dos seus superiores.
c) Elaborar cantos informes e propostas considere oportunos ou se lle encomenden, así como transmitilas ó servizo territorial correspondente, coa finalidade de mellora-los servizos.
d) Propoñe-las suplencias e os cuadrantes de servizos dos funcionarios adscritos a postos de axentes zonais asinados á súa demarcación.
e) Elaborar con carácter mensual un resumo-balance da atividade desenvolvida.
f) Elaborar con carácter mensual un plan de previsións para o mes seguinte.
g) Dispoñer dun libro-rexistro de incidencias.
h) Calquera outra que lle poida corresponder de acordo coa lexislación vixente.
Artigo 11º
Son funcionarios do persoal da escala de axentes forestais que desempeñen postos de traballo de axentes auxiliares técnicos de instalacións as sinaladas nos artigos anteriores como propias da escala e da súa especialidade no ámbito do establecemento no que presten os seus servizos e segundo a súa categoría en relación co persoal da instalación.
Artigo 12º
Son funcións do persoal da escala de axentes forestais que desempeñen postos de traballo de axentes auxiliares técnicos de espazos naturais protexidos as sinaladas nos artigos anteriores como propias da escala e da súa especialidade no ámbito do espazo natural protexido no que presten os seus servizos e segundo a súa categoría en relación co persoal del.
CAPÍTULO III
Acceso e carreira administrativa
Artigo 13º
Para o ingreso na escala de axentes forestais será necesario cumprir, ademáis das condicións xerais de acceso á Función Pública da Xunta de Galicia, os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión da titulación de capataz forestal ou titulación forestal equivalente que a substitúa.
b) Posuí-lo permiso de condución de vehículos das clases A2 e B1.
c) Reuni-las condicións precisas para a obtención do permiso de uso de armas de fogo conforme a lexislación vixente.
d) Supera-lo recoñecemento médico e as probas selectivas teóricas e prácticas, así como os cursos e o período de prácticas que, de se-lo caso, se determinen nas correspondentes convocatorias.
Artigo 14º
1.- Para a provisión con carácter definitivo dos postos de axente zonal ou postos de igual nivel de complemento de destino, esixirase un mínimo de dous anos de servizos efectivos na escala como axente.
2.- Para a provisión con carácter definitivo dos postos de axente territorial, esixirase un mínimo de catro anos de servizos efectivos na escala como axente zonal ou en postos de igual nivel de complemento de destino ou oito anos de servizos efectivos na escala como axente.
CAPÍTULO IV
Xornada, horario e quendas extraordinarias
Artigo 15º
A xornada de traballo do persoal da escala será a establecida con carácter xeral en cómputo anual para tódolos funcionarios da Xunta de Galicia, sen prexuízo das especialidades derivadas da natureza e necesidades do servizo.
Artigo 16º
1.- O persoal da escala realizará o seu traballo entre as 00 e as 24 horas, en función dos horarios que fixe a Consellería de Agricultura, Gandería Montes, nos que se determinarán os efectivos necesarios para atende-los servizos en sábados, domingos e festivos, no marco da correspondente orde dictada pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.
2.- A tal fin e con carácter periódico, confecionaranse os oportunos calendarios que se poñerán en coñecemento da xunta de persoal correspondente.
3.- En calquera caso, o devandito persoal disfrutará dun descanso semanal mínimo de 48 horas consecutivas.
Artigo 17º
1.- No caso de alto risco de incendios ou doutras circunstancias que así o requiran, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá establecer xornadas extraordinarias.
2.- Nestes supostos o exceso na prestación de servizos non se terá en conta para efectos do cómputo anual previsto no artigo 15º.
Artigo 18º
Cando por necesidade da continuidade do servizo que se estea prestando sexa preciso seguir ata rematalo, prolongarase a xornada de traballo o tempo necesario ata un máximo de 4 horas.
Artigo 19º
Nos casos de emerxencia e, en xeral, naqueles en que unha situación excepcional o requira, todo o persoal estará obrigado á prestación dos servizos necesarios dentro das funcións que corresponden á escala ata que cesen os motivos de emerxencia ou necesidade, nos termos establecidos nos artigos anteriores.
Artigo 20º
O persoal da escala afectado polas peculiaridades establecidas no presente capítulo terá dereito ás compensacións que, por razón da atividade extraorinaria desenvolvida, se determinen dentro do marco retributivo dos funcionarios na correspondente orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.
CAPÍTULO V
Licenzas, permisos e vacacións
Artigo 21º
As vacacións, licenzas e permisos serán as establecidas con caracter xeral para os funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
A súa concesión estará condicionada polas necesidades do servizo.
CAPÍTULO VI
Outros dereitos e deberes e incompatibilidades
Artigo 22º
A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes porá ó dispor do persoal da escala o material, os medios e a documentación que lles facilite o cumprimento das súas obrigas funcionais.
Artigo 23º
A Xunta de Galicia organizará anualmente cursos de formación e perfecionamento sobre aspectos relacionados coa atividade profesional do persoal da escala. A asistencia a aqueles cursos que se consideren imprescindibles para o bo funcionamento dos servizos será obrigatoria para o persoal da escala a que vaian dirixidos.
Artigo 24º
Os membros do persoal da escala de axentes forestais terán especialmente os deberes de:
a) Cumprir con dilixencia as ordes dos seus superiores.
b) Colaborar cos outros axentes da escala, así como co resto do persoal con funcións similares ou relacionadas co servizo encomendado.
c) Levar un libro onde se anotarán tódalas notificacións e expedientes recibidos e emitidos, e conserva-las comunicacións.
d) Cubrir as actas de entrega de material e os partes do seu uso, así como confecionar resumos mensuais dos tarballos e atividades realizadas.
e) Respecta-la disciplina establecida para as transmisións radioeléctricas.
f) Conservar en bo estado os materiais e outros bens do servizo que se atopen ó seu cargo.
Artigo 25º
A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes dotará a todo o persoal da escala da credencial acreditativa da súa condición, que deberá ser amosada nos actos de servizo a iniciativa propia ou cando lle sexa requirida polos interesados.
Artigo 26º
1.- O uniforme e distintivo do persoal da escala serán os determinados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.
2.- Será obrigatorio o uso deste uniforme nos actos de servizo, aínda que poidan autorizarse servizos en que non sexa preciso.
Artigo 27º
1.- O persoal da escala conducirá os vehículos do servizo para o cumprimento exclusivo das súas funcións e coidará da súa conservación conforme ó estalecido na normativa autonómica sobre os servizos de automobilismo.
2.- A condución dos devanditos vehículos realizarase con cumprimento estricto da normativa aplicable, sendo responsable das infracións que puideran cometer contra ela.
Artigo 28º
1.- O Persoal da escala que desenvolva funcións de vixilancia poderá ser dotado de armamento co obxecto de que unicamente en determinados servizos porte armas en garantía da súa lexítima defensa con respecto estricto da normativa de uso existente.
2.- No que se refire ó resto do armamento preciso para o desempeño doutras funcións observarase o disposto na normativa vixente na materia.
Artigo 29º
A dedicación dos Axentes forestais ás funcións propias da escala non é compatible co exercicio de ningún cargo, profesión ou atividade que impida, dificulte ou comprometa a estricta observancia dos seus deberes, de acordo coa normativa vixente en materia de incompatibilidades.
Artigo 30º
Cando o persoal da escala de Axentes forestais se vexa incurso nun proceso xudicial en virtude de actos ou omisións no exercicio do seu cargo nos que se suxeitase ás disposicións legáis vixentes na materia ou cumprise orde de autoridade competente, será defendido pola Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, de acordo cos trámites e de conformidade coas disposicións que regulen a defensa dos funcionarios da Xunta de Galicia polos letrados dela.













Regulamento Axentes forestais











